Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

28/01/2019

Galicia, Asturias e Castela e León solicitan ao Goberno un programa de actuacións e a demanda de financiamento comunitario para transformar o Corredor Atlántico

Galicia, Asturias e Castela e León solicitan ao Goberno un programa de actuacións e a demanda de financiamento comunitario para transformar o Corredor Atlántico.jpg
Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2019. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que Galicia, Asturias e Castela e León solicitarán ao Goberno central un programa de actuacións e a demanda de financiamento comunitario para transformar o Corredor Atlántico en sinónimo de competitividade, progreso económico e emprego; para transformar liñas ferroviarias deseñadas no século XIX, nun ferrocarril de mercadorías que lle permita ao Noroeste competir na Europa do século XXI.

Unhas actuacións que o responsable do Executivo galego cifrou nun investimento de preto de 3.000 millóns de euros para optar ao cofinanciamento con fondos europeos.

“Móvenos a defensa das nosas industrias, dos nosos traballadores, dos nosos portos, da nosa competitividade e a defensa lexítima da equidade, da solidariedade entre os territorios que conformamos España”, dixo Feijóo, durante a clausura do Encontro para o impulso do Corredor Atlántico Noroeste, ao tempo que incidiu en que a alianza destas tres comunidades constitúese a favor de todos e en contenda con ninguén; baixo a vontade de estar máis cerca e máis dentro de España e de Europa.

Unha España e unha Europa que deben apuntalar a súa solidez económica, loxística e comercial para facer fronte aos potentes competidores asiáticos; e que asumiron como obxectivos o fomento da economía baixa en carbono, potenciando, entre outras cuestións, o transporte ferroviario como alternativa ao tráfico rodado, que produce preto da quinta parte das emisións de efecto invernadoiro do continente.

Se a unidade política, económica e social das tres comunidades fixo posible que a Comisión Europea aceptase a proposta de incluír no Corredor Atlántico os itinerarios ferroviarios que van desde Venta de Baños (en Palencia) e León ata Xixón, Vigo e A Coruña, pasando por Ourense e Monforte de Lemos, o responsable do Executivo galego aseverou que, grazas á concertación de esforzos, aquela meta que entón semellaba case unha quimera, hoxe atópase “ao alcance das nosas mans”.

Ao respecto, sostivo que as demandas individuais serían febles e dificilmente terían conseguido corrixir o rumbo deste Corredor Atlántico que, errónea e inxustamente, esquecía Galicia, Asturias e gran parte de Castela e León. Non en van, trátase dun territorio comercialmente estratéxico por ser o extremo occidental do continente, con 7 portos de interese xeral do Estado e novas plataformas loxísticas que multiplican a capacidade loxística das dársenas.

Facer da cooperación a forma de estar en Europa e tamén en España

Ao longo da súa intervención, o responsable do Executivo galego quixo agradecer a presenza dos representantes institucionais, empresariais e sindicais para “xuntos, deseñar o escenario que queremos que se execute no futuro”. E trasladou o desexo de seguir profundando nesa aposta polo diálogo e a cooperación.

Sobre este aspecto, o responsable do Goberno galego lembrou que a aposta pola colaboración territorial foi e é unha constante na acción da Xunta. “Este encontro segue o camiño emprendido polo presidente Fraga, que entendeu, xa ao inicio dos 90, a necesidade de unir os intereses lexítimos dun noroeste peninsular, que non só dun noroeste español”, dixo.

Empezaba así un diálogo e un intercambio cada vez máis intenso entre Galicia e o Norte de Portugal que daría lugar á primeira eurorrexión constituída na Península Ibérica. E, ese espazo, lonxe de amurallarse, foise ampliando progresivamente, ata a RESOE –a macrorrexión do sudeste europeo-, primeiro con Castela e León en 2010, posteriormente, xa en 2014, con Asturias e o centro de Portugal, e máis recentemente, en 2017, tamén con Cantabria. “De novo os territorios do norte peninsular, considerados periféricos, fomos pioneiros na decisión de compartir recursos para ser un único actor de primeiro nivel na Europa do século XXI, a través da cooperación no transporte, a industria, a educación superior, o turismo ou a demografía. Fixemos da cooperación a nosa forma de estar en Europa e tamén en España”, afirmou, destacando que, mentres outros optaban por un destrutivo illamento, Castela e León, Asturias e Galicia apuntalaban o edificio da colaboración, selando en Oviedo un acordo para defender o marco xurídico estatal, posturas comúns sobre os incendios forestais ou a sustentabilidade do sistema de benestar, no contexto do envellecemento.

Ese espazo foi crecendo e convencendo ata alcanzar o 50% do territorio de España. E, o pasado 10 de setembro, as tres autonomías asinaron con Aragón, A Rioxa e Castela a Mancha unha declaración institucional en defensa dun novo modelo de financiamento autonómico e dunha resposta ao serio reto demográfico.



© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante