Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

06/06/2017

Europa en movemento: a Comisión toma medidas en prol dunha mobilidade limpa, competitiva e conectada

Os comisarios Sefcovic, Bulc e Thyssen durante a presentación do paquete de mobilidade. © Unión Europea
  • A UE trata de axudar ao sector do transporte para manter a súa competitividade nunha transición socialmente xusta cara á enerxía limpa e a dixitalización
  • Os beneficios desas medidas a longo prazo estenderanse moito máis alá, xa que promoverán o emprego, o crecemento e o investimento, á vez que reforzarán a xustiza social no continente

Bruxelas, 6 de xuño de 2017. A Comisión Europea tomou a semana pasada un conxunto de medidas para modernizar a mobilidade e o transporte europeos. O obxectivo consiste en axudar ao sector para manter a súa competitividade nunha transición socialmente xusta cara á enerxía limpa e a dixitalización. «Europa en movemento» é un conxunto de iniciativas de amplo alcance que farán máis seguro o tráfico, fomentarán unha tarificación máis xusta do uso das estradas, reducirán as emisións de CO2 , a contaminación do aire e a conxestión, á vez que garantirán uns tempos de descanso adecuados aos traballadores. Os beneficios desas medidas a longo prazo estenderanse moito máis alá do sector do transporte, xa que promoverán o emprego, o crecemento e o investimento, reforzarán a xustiza social, ampliarán a capacidade de elección dos consumidores e situarán con firmeza a Europa na senda cara ao obxectivo de cero emisións.

Jyrki Katainen, vicepresidente responsable de Fomento do Emprego, Crecemento, Investimento e Competitividade, afirmou que “o noso enfoque da mobilidade vai moito máis alá do sector do transporte. Tamén están a xurdir novidades no transporte no contexto das novas tendencias económicas, como a economía colaborativa ou a economía circular. Temos, pois, a oportunidade de modernizar o conxunto da economía europea e impulsala nunha dirección máis sustentable”. Pola súa banda, a comisaria responsable de Transportes, Violeta Bulc, asegurou: “A UE ten unha oportunidade única para liderar a modernización do transporte por estrada non só dentro das nosas fronteiras, senón tamén a nivel mundial. As nosas reformas sentarán as bases para implantar solucións dixitais estandarizadas no transporte por estrada, establecer unhas condicións sociais máis xustas e garantir o cumprimento das normas de mercado”.

A mobilidade ten gran influencia na vida cotiá dos cidadáns europeos e emprega directamente a máis de 11 millóns de persoas. Agora ben, o sector vive unha serie de transformacións tecnolóxicas, económicas e sociais que se suceden a un ritmo cada vez máis rápido. Canalizar eses cambios é esencial para conseguir unha "Europa que protexa, capacite e vele pola seguridade", unha das prioridades políticas da Comisión Juncker. A tal fin, a Comisión adoptou unha estratexia a longo prazo para converter eses retos en oportunidades e alcanzar o obxectivo dunha mobilidade intelixente, socialmente xusta e competitiva de aquí a 2025. A UE dirixirá esta transición mediante lexislación específica e medidas de apoio, que inclúen o investimento en infraestruturas, a investigación e a innovación. Deste xeito garantiremos que se desenvolvan, ofrezan e fabriquen en Europa as mellores solucións, equipos de transporte e vehículos para unha mobilidade limpa, conectada e automatizada.

Teremos, así, unha primeira serie de oito propostas lexislativas centradas de maneira específica no transporte por estrada. Este sector reviste especial importancia, dado que proporciona emprego directo a 5 millóns de europeos, á vez que contribúe a case un 20 % das emisións de gases de efecto invernadoiro da Unión. As propostas contribuirán a mellorar o funcionamento do mercado de transporte de mercadorías por estrada e as condicións sociais e laborais dos traballadores. Neste contexto, reforzarase o control do cumprimento, combateranse as prácticas de emprego ilegal, reducirase a carga administrativa das empresas e clarificaranse as normas vixentes, por exemplo respecto da aplicación das leis nacionais sobre o salario mínimo.

Así mesmo, a Comisión promove solucións de mobilidade ininterrompida, de tal modo que os cidadáns e as empresas poidan viaxar con máis facilidade por toda Europa. Este é o caso da proposta destinada a impulsar a interoperabilidade entre os sistemas de peaxe, que permitirá aos usuarios das estradas conducir por toda a UE sen preocuparse pola diversidade de formalidades administrativas. As especificacións comúns para os datos do transporte público, ademais, permitirán aos pasaxeiros planificar mellor a súa viaxe e seguir a mellor ruta, mesmo se se atravesan fronteiras.

Este primeiro lote de oito propostas completarase nos próximos doce meses con outras propostas, que inclúen as relativas ás normas sobre as emisións dos turismos e furgonetas a partir de 2020 e, por primeira vez, dos vehículos pesados, como continuación da proposta de seguimento e notificación das emisións de CO2 e o consumo de combustible dos vehículos pesados presentada hoxe. Esas propostas impulsarán aínda máis a innovación, reforzarán a competitividade, reducirán as emisións de CO2, mellorarán a calidade do aire e a saúde pública, e potenciarán a seguridade do transporte.

 

Contexto

O transporte e a mobilidade son esenciais para a economía e a competitividade de Europa. Esta importancia reflíctese no feito de que moitas outras políticas da UE exercen unha influencia decisiva no sector. O éxito das prioridades da Comisión Juncker, a saber, a Unión da Enerxía, o Mercado Único Dixital e a Axenda de Emprego, Crecemento e Investimento, contribúe ao transporte e a mobilidade. A Estratexia da Unión da Enerxía de febreiro de 2015 definiu a transición cara a un sector de transporte eficiente desde o punto de vista enerxético e descarbonizado como unha das principais áreas de actuación. Agora vanse a aplicar as medidas que xa se esbozaron na Estratexia a favor da mobilidade de baixas emisións, adoptada en xullo de 2016. Os investimentos en infraestruturas no marco do Plan de Investimentos para Europa proporcionan un poderoso estímulo para levar á práctica a mobilidade europea do futuro: limpa, competitiva e conectada.

Fonte: Comisión Europea


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante