Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

28/02/2017

Europa avanza cara aos obxectivos de eficiencia enerxética fixados para 2020

O comisario Cañete expoñe os resultados da reunión do Consello. © Unión Europea
  • O Consello de Transporte, Telecomunicacións e Enerxía subliñou os importantes logros alcanzados
  • Os ministros dos Estados membros acollen con entusiasmo o paquete lexislativo da Comisión “Enerxía limpa para todos os europeos”

Bruxelas, 28 de febreiro de 2017. O Consello de Transporte, Telecomunicacións e Enerxía reuniuse onte por primeira vez este ano para avaliar as actuacións da Unión nestes ámbitos. Os ministros deron as súas primeiras reaccións ao amplo paquete lexislativo da Comisión ”Enerxía limpa para todos os europeos”, que ten tres obxectivos principais: poñer a eficiencia enerxética en primeiro lugar, lograr un liderado mundial en enerxías renovables e ofrecer un trato xusto aos consumidores. O paquete inclúe propostas sobre o deseño do mercado eléctrico, a eficiencia enerxética, a seguridade da subministración, as enerxías renovables e as normas de gobernanza destinadas a aplicar a estratexia da Unión da Enerxía. O obxectivo xeral da estratexia é transformar á UE nunha economía baixa en carbono para 2030.

Os Estados recoñeceron a importancia desta lexislación e subliñaron a necesidade de avanzar en todas as propostas. Con todo, tamén destacaron que as implicacións destas cuestións para os Estados membros e a responsabilidade dos colexisladores esixe que as propostas sexan examinadas en detalle.

 

Paquete de medidas sobre clima e enerxía ata 2020

O Consello escoitou a presentación pola Comisión do seu recente informe sobre o estado da Unión da enerxía. Os ministros acolleron con satisfacción a conclusión do informe de que a Unión Europea xa logrou reducións considerables no consumo de enerxía e que a UE está en camiño de alcanzar o seu obxectivo de eficiencia enerxética para 2020. A pesar diso, é evidente que os esforzos dos Estados membros deben continuar.

 

Outros asuntos

A Presidencia rotatoria maltesa informou o Consello sobre os avances en dúas importantes propostas lexislativas sobre as que xa se iniciaron as negociacións co Parlamento Europeo: as normas sobre seguridade da subministración de gas e sobre a etiquetaxe da eficiencia enerxética. A Presidencia proponse chegar a un acordo político co Parlamento Europeo sobre ambos os ficheiros este semestre.

Varios ministros solicitaron á Comisión aclaracións sobre o oleoduto Nordstream2 (de Rusia a Alemaña), así como do seguimento da carta enviada polo Presidente da Comisión ITRE do Parlamento ao Presidente do Consello Europeo de Enerxía sobre esta cuestión. Tamén se debateu sobre o Foro de Enerxía Oceánica.

Pola súa banda, durante un xantar de traballo, os ministros discutiron a gobernanza da Unión de Enerxía, dada a súa estreita relación con todas as demais propostas de Enerxía Limpa. En palabras de Konrad Mizzi, ministro maltés do ramo, ”a Presidencia está a centrarse en iniciativas que marcan a diferenza na vida das persoas, polo que aceleramos o noso traballo na lexislación sobre seguridade da subministración de gas, que garantirá a dispoñibilidade de gas para todos os Estados membros, permitindo aos consumidores tomar decisións informadas ao comprar produtos”.

A próxima reunión do Consello de Transporte, Telecomunicacións e Enerxía da UE terá lugar os días 18 e 19 de maio.

Fuente: Consello da UE


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante