Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

05/11/2019

A UE investirá máis de 3.000 millóns de euros no programa Erasmus+ para que os mozos europeos estuden ou fagan prácticas no estranxeiro en 2020

A Comisión publicou a nova convocatoria de propostas do programa Erasmus+ para o ano 2020. Fonte: © European Union 2017. Fotógrafo: José Jordán.jpg
  • Estes fondos servirán tamén para poñer en marcha a iniciativa Universidades Europeas e axudar a potenciar os intercambios de estudantes e persoal educativo africano no seo da Alianza África-Europa para o Investimento e o Emprego Sustentables.
Bruxelas, 5 de novembro de 2019. A Comisión Europea publicou hoxe a súa convocatoria de propostas para o 2020 no marco do programa Erasmus+. O 2020 será o último ano do actual programa da Unión Europea para a mobilidade e a cooperación en educación, formación, mocidade e deporte. Para poder levar a cabo os seus proxectos, o orzamento previsto para 2020 no programa Erasmus + será de máis de 3.000 millóns de euros, un 12% máis que en 2019, e ofrecerá aínda máis oportunidades aos mozos europeos de estudar, formarse ou adquirir experiencia profesional no estranxeiro. No marco desta convocatoria de propostas para o 2020, a Comisión poñerá en marcha un segundo proxecto piloto: a Iniciativa Universidades Europeas. Ademais, a UE pretende crear 35.000 oportunidades para que os estudantes e o persoal africanos participen no programa como parte da Alianza África-Europa para o Investimento e o Emprego Sustentables.

O comisario de Educación, Cultura, Mocidade e Deporte, Tibor Navracsics, declarou o seguinte ao respecto do programa Erasmus+: «Estou moi satisfeito de que en 2020 a Unión Europea vaia a investir máis de 3.000 millóns de euros en Erasmus+. Isto permitiranos abrir máis oportunidades para que os mozos europeos estuden ou se formen no estranxeiro, permitíndolles aprender e desenvolver unha identidade europea. E axudaranos a levar adiante a iniciativa das Universidades Europeas, o que demostra que seguimos investindo no Espazo Europeo de Educación. Éncheme de orgullo
 ver que as institucións de educación superior forman novas e sólidas alianzas, abrindo camiño para as universidades do futuro, en beneficio dos estudantes, o persoal e a sociedade de toda Europa», remarcou o político húngaro.

Pola súa banda, Marianne Thyssen, comisaria de Emprego, Asuntos Sociais, Competencias e Mobilidade Laboral, engadiu que «as novas oportunidades de financiamento de Erasmus para o sector da educación e da formación profesional reforzarán a toda a comunidade educativa e servirán de ponte entre sectores, rexións e países. Consolidar ErasmusPro fará que eses lazos sexan aínda máis estreitos, á vez que ofrecerá máis oportunidades aos estudantes de educación e formación profesional».

Calquera organismo público ou privado activo nos ámbitos da educación, a formación, a mocidade e o deporte poderá solicitar financiamento no marco da presente convocatoria de propostas. Ademais, poderán presentarse grupos de mozos activos no traballo xuvenil, que non estean formalmente constituídos como organizacións xuvenís. Xunto coa convocatoria de propostas, a Comisión Europea publicou hoxe a Guía do Programa Erasmus+ en todas as linguas oficiais da UE. Este documento proporciona aos solicitantes información detallada sobre todas as oportunidades que se lles ofrecen no ensino superior, a educación e formación profesionais, a educación escolar e a educación de adultos, a mocidade e o deporte no marco de Erasmus+ en 2020.

Iniciativa Universidades Europeas
As primeiras 17 universidades europeas foron seleccionadas en xuño de 2019. A día de hoxe están no proceso de iniciar as súas actividades. A segunda convocatoria de propostas lanzada hoxe baséase nesta primeira fase de proba. A iniciativa será obxecto dun acto da Comisión Europea o próximo 7 de novembro de 2019, no que todas as universidades europeas seleccionadas ata o de agora reuniranse por primeira vez para intercambiar información e debater o camiño a seguir con estudantes, reitores e ministerios responsables do ensino superior. Outras universidades tamén estarán representadas nos debates sobre o futuro do ensino superior en Europa.

Educación, formación profesional e aprendizaxe de adultos
Este será o terceiro ano das Asociacións de Intercambio Escolar, unha acción de Erasmus+ que ofrece ás escolas europeas a oportunidade de intercambiar alumnos e profesores. Nos últimos dous anos participaron máis de 15.000 escolas. En 2020, outras 9.000 escolas terán a oportunidade de participar.

Na educación e formación profesional, o investimento céntrase en ErasmusPro, oportunidades para que os estudantes e aprendices pasen entre tres meses e un ano no estranxeiro, desenvolvendo as súas competencias profesionais e lingüísticas. Desde o seu lanzamento en 2018,  ErasmusPro logrou aumentar o interese polas prácticas de longa duración na educación e a formación profesionais, e apoiou a máis de 12.000 estudantes ao ano. O apoio económico tamén contribuirá á creación de Centros de Excelencia transnacionais de educación e formación profesional "piloto", integrados nas estratexias de desenvolvemento local e rexional. Os centros traballarán en estreita colaboración con outros sectores da educación e a formación, da comunidade científica e as empresas para elaborar plans de estudos de alta calidade centrados nas competencias sectoriais.

No ámbito da aprendizaxe de adultos, a axuda financeira contribuirá a crear ou reforzar as redes rexionais ou nacionais de provedores de aprendizaxe de adultos, de modo que poidan ofrecer un maior número de proxectos de calidade para o próximo programa Erasmus.

Oportunidades adicionais na Alianza África-Europa
Do mesmo xeito que en 2019, a convocatoria de Erasmus+ do próximo ano ofrecerá oportunidades adicionais para apoiar os intercambios de estudantes e persoal africano a fin de favorecer a súa participación no programa educativo. Aínda que xa se realizaron 26.247 intercambios, o obxectivo é apoiar a participación de 35.000 persoas para o ano 2020, tal e como se anunciou na recente conferencia de alto nivel da Alianza África-Europa para o Investimento e o Emprego Sustentables.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante