Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

29/04/2019

”A democracia e máis eu” é o tema central da Semana Europea da Mocidade 2019

Anuncio da European Youth Week 2019.Fonte:© European Union, 2019.jpg
  • A Semana Europea da Mocidade é un evento que se celebra cada dous anos co propósito de promover actividades dirixidas aos mozos a través de actos organizados en todos os países participantes no programa europeo Erasmus+.
  • A novena edición da cita terá lugar en toda Europa desde o 29 de abril ata o 5 de maio.
Bruxelas, 29 de abril de 2019. A Semana Europea da Mocidade ten lugar cada dous anos e celébrase co obxectivo de promover diversas actividades para os mozos a través de actos organizados nos países que participan no programa europeo Erasmus+. Este ano a novena edición da Semana Europea da Mocidade celebrarase desde o 29 de abril ata o 5 de maio por toda Europa, coa temática central de «A democracia e máis eu». Xunto ás actividades programadas para esta semana en todos os países participantes, os actos emblemáticos de Bruxelas reunirán os días 29 e 30 de abril a centos de mozos de cara a visualizar a súa presenza e facer oír a súa voz.

Con vistas ás próximas eleccións ao Parlamento Europeo do 23 ao 26 de maio, os debates da Semana Europea da Mocidade deste ano céntranse en como poden os mozos actuar nas súas comunidades e influír na toma de decisións.

O comisario de Educación, Cultura, Mocidade e Deporte, Tibor Navracsics, acollerá o 30 de abril un diálogo con cidadáns novos, ademais dun gran debate no Parlamento Europeo en Bruxelas, que reunirá a máis de 800 asistentes para falar da participación democrática e do impacto que ten o Corpo Europeo de Solidariedade en relación cos mozos, as ONG´s e as comunidades locais.

No marco da Semana Europea da Mocidade, o comisario  Navracsics declaraba con orgullo o seguinte: «Aplaudo a esta xeración de mozos europeos, tan activos, comprometidos e dispostos a axudar aos demais. Preto de 125.000 mozos inscribíronse xa no Corpo Europeo de Solidariedade, o que pon claramente de manifesto a vontade dos mozos por comprometerse coa sociedade».

«A nosa última enquisa do Eurobarómetro sobre a mocidade mostra que tres de cada catro mozos afirman participar activamente nalgunha forma de actividade cívica, xa sexa votar, unirse a un movemento, asinar unha petición en liña ou realizar actividades de voluntariado. Estou orgulloso, e animo aos nosos mozos a mobilizar aos seus coetáneos a votar nas próximas eleccións ao Parlamento Europeo, de modo que teñan voz na configuración do seu futuro», sentenciou o dirixente europeo.

O certo é que os resultados da enquisa do Eurobarómetro publicada hoxe mostran que, para o 67% da mocidade europea, a prioridade número un de actuación da UE nos próximos dez anos debería ser a protección do medio ambiente e a loita contra o cambio climático. As prioridades segunda e terceira que sinalan os mozos son a mellora da educación e da formación, incluída a libre circulación de estudantes, aprendices ou alumnos (56%), e a loita contra a pobreza e as desigualdades económicas e sociais (56%). Ademais, o 72 % dos mozos entrevistados afirma que, desde que puideron participar en eleccións ata a actualidade, votaron en eleccións locais, nacionais ou europeas. A enquisa dirixiuse a 11.000 mozos de idades comprendidas entre os 15 e os 30 anos, en marzo de 2019. Os participantes terán a oportunidade de debater estes e outros temas nos actos da Semana Europea da Mocidade.

Ademais, esta tarde (29 de abril), o comisario Navracsics presentará os resultados dos Premios Altiero Spinelli de Divulgación de 2018. Esta edición dos Premios Altiero  Spinelli centrouse especialmente nos mozos, buscando recompensar proxectos para mellorar a súa conciencia crítica da Unión Europea e a súa motivación para participar nos procesos democráticos que configurarán o seu futuro. De entre as setenta e nove candidaturas presentadas, só cinco proxectos gañadores serán finalmente galardoados nun acto que se celebrará en Bruxelas.

Contexto
A Semana Europea da Mocidade ten lugar cada dous anos coa finalidade de promocionar actividades específicas para os mozos a través de actos organizados en todos os países que participan no programa europeo Erasmus+. Ademais das actividades emblemáticas na cidade de Bruxelas, organízanse centos de actividades e actos a nivel local. Durante a anterior Semana Europea da Mocidade, que tivo lugar en 2017, contouse coa participación de 112.000 mozos de toda a Unión e de Macedonia, Islandia, Liechtenstein, Noruega, Serbia e Turquía.

O presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, anunciou no seu discurso sobre o estado da Unión de 2016 o Corpo Europeo de Solidariedade, un dos principais temas da edición deste ano. Esta iniciativa ofrece aos mozos de entre 18 e 30 anos a oportunidade de participar nunha ampla gama de actividades solidarias en toda a UE e fóra dela. Desde a súa posta en marcha o 7 de decembro de 2016, case 125.000 mozos inscribíronse no Corpo Europeo de Solidariedade e case 15.000 participantes iniciaron a súa actividade.

Os Premios Altiero Spinelli son unha iniciativa do Parlamento Europeo organizada pola Comisión Europea, que se concederon por primeira vez en 2017. Teñen por obxecto poñer de relevo traballos destacados que fomentan a comprensión da Unión Europea por parte dos cidadáns e a súa motivación para participar nos procesos democráticos.

A Comisión publicará así mesmo durante a Semana Europea da Mocidade 2019 novos datos sobre a aceptación da Garantía Xuvenil e a Iniciativa de Emprego Xuvenil. A Garantía Xuvenil é unha iniciativa emblemática da Unión Europea, cuxo obxectivo é fomentar o emprego xuvenil garantindo que todos os mozos menores de 25 anos achen ofertas de emprego, educación continua, aprendizaxe ou prácticas de boa calidade nun prazo de catro meses desde o momento en que se atopan en situación de desemprego ou saen da educación formal.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante