Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

13/06/2017

Trinta anos de intercambios no estranxeiro con Erasmus: a Comisión lanza unha aplicación móbil polo aniversario

Navracsics diante do panel conmemorativo de Erasmus en Estrasburgo. © Unión Europea
  • A UE celebrou en Estrasburgo o trixésimo aniversario de Erasmus, o seu programa de intercambios no estranxeiro
  • Noves millóns de mozos beneficiáronse de Erasmus
  • Para conmemorar esta ocasión, a Comisión puxo en marcha unha nova aplicación móbil Erasmus+

Bruxelas, 13 de xuño de 2017. A UE celebrou onte o trixésimo aniversario de «Erasmus», o seu programa de intercambios no estranxeiro, do que xa se beneficiaron nove millóns de persoas. Jean-Claude Juncker, presidente da Comisión Europea, e Antonio Tajani, presidente do Parlamento Europeo, presidiron as celebracións do trixésimo aniversario do programa Erasmus no Parlamento Europeo en Estrasburgo. Para conmemorar esta ocasión, a Comisión lanza tamén unha nova aplicación móbil Erasmus+. Deseñada para estudantes, alumnos de formación profesional e participantes en intercambios xuvenís, a aplicación fará que a experiencia de Erasmus+ sexa máis fácil para os mozos.

O presidente Jean-Claude Juncker declarou que “cada euro que investimos en Erasmus+ é un investimento para o futuro; o futuro dunha persoa nova e da nosa idea de Europa. Non podo imaxinar que haxa nada máis digno de investimento que estes líderes do mañá”. Pola súa banda, Tibor Navracsics, comisario de Educación, Cultura, Mocidade e Deporte, afirmou que “os trinta anos de mobilidade e cooperación proporcionaron a Europa unha xeración de talante aberto e emprendedor formada por nove millóns de persoas que están modelando hoxe o futuro da nosa sociedade. Ao poñer Erasmus+ a seu alcance, a nova aplicación achegará Europa aos mozos de todo o mundo”.

A aplicación móbil de Erasmus+ supón unha importante mellora para un programa que, entre 2014 e 2020, axudará a máis de catro millóns de persoas a estudar, formarse ou levar a cabo acciones de voluntariado no estranxeiro. Guiará a estudantes, alumnos de formación profesional e mozas a través da experiencia Erasmus+, o que contribuirá a que o programa sexa máis inclusivo e accesible para todos. A Comisión comprometeuse firmemente a construír, xunto coa xeración Erasmus+, o futuro de Erasmus+ máis aló de 2020, a fin de reforzar o programa e garantir que chegue a un número aínda maior de mozos.

 

Coa aplicación móbil de Erasmus+ os participantes poderán:

  • seguir facilmente a súa evolución nas diferentes fases administrativas, antes, durante e despois da súa estancia no estranxeiro; mediante a aplicación, os estudantes tamén poderán aceptar e asinar en liña os seus acordos de estudos tanto coa universidade de orixe como coa de acollida;
  • aconsellar a outros para axudarlles a integrarse na comunidade local e votar polos seus consellos favoritos e
  • mellorar as súas competencias lingüísticas a través da ligazón directa á plataforma de apoio lingüístico en liña Erasmus+ Online Linguistic Support , que ofrece cursos tutorizados en liña e titorías interactivas en directo.

 

A primeira versión da aplicación xa está dispoñible, tanto para iOS como para Android. Grazas ás novas características e as constantes actualizacións en breve chegará a outros grupos de participantes en Erasmus+ e garantirá tamén a cobertura das futuras necesidades da xeración Erasmus+.

Desde que se puxo en marcha o Programa Erasmus orixinal en 1987, beneficiáronse de intercambios no estranxeiro nove millóns de persoas. Durante a celebración en Estrasburgo, os presidentes do Parlamento Europeo e da Comisión entregaron un galardón simbólico ao «participante nove millóns de Erasmus» a trinta e tres representantes da xeración Erasmus+, un por cada un dos países europeos participantes. A cerimonia de entrega dos galardóns irá seguida de debates sobre o futuro do programa Erasmus+ máis aló de 2020, nos que participarán novos, participantes en Erasmus+ e organizacións participantes, ONG, deputados ao Parlamento Europeo e membros da Comisión, actuais e antigos, incluídos os que contribuíron á creación do Programa Erasmus orixinal.

 

Antecedentes

Desde o seu lanzamento en 1987, coa participación de once países e tres mil douscentos estudantes, Erasmus deu a oportunidade de estudar, formarse, realizar un voluntariado ou obter experiencia profesional no estranxeiro a nove millóns de persoas. En 2014 creouse o Programa Erasmus+, que integraba todas as iniciativas nos ámbitos da educación, a formación, a mocidade e o deporte nun mesmo marco da UE. En menos de tres anos, con trinta e tres países europeos participantes actualmente no programa (os vinte e oito Estados membros da UE máis Turquía, a Antiga República Iugoslava de Macedonia, Noruega, Islandia e Liechtenstein), beneficiáronse de Erasmus+ máis de dous millóns de persoas.

Con obxecto de implicar á xeración Erasmus+ no desenvolvemento do futuro do programa, a Comisión lanzou Erasmus+ Generation Online Meeting Point. Este sitio web ofrece aos mozos e ás organizacións a oportunidade de participar en debates con expertos nos ámbitos da mocidade, a educación e a formación, propoñer temas, identificar problemas e presentar solucións. A nova aplicación complementa estes esforzos.

Fonte: Comisión Europea


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante