Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

23/11/2016

Principais resultados do Consello de novembro en materia de educación, mocidade, cultura e deporte,

3906F_1480070694_122345.jpg

Bruxelas, 23 de novembro de 2016 - O Consello da Unión Europea reuniuse durante os días 21 e 22 de novembro para debater diversos puntos en materia de educación, mocidade, cultura e deporte. A axenda desta reunión, que reuniu aos ministros pertinentes de cada un dos Estados membros que forman a UE, virou ao redor de catro puntos temáticos que presentamos a continuación.

Mocidade

O Consello adoptou unhas Conclusións sobre o fomento de novos enfoques para o traballo no ámbito da mocidade. O traballo cos mozos pode axudarlles a adquirir competencias, capacidades e actitudes positivas.

As Conclusións destacan a importancia deste labor para chegar, máis aló das estruturas formais, a mozas de distintas orixes, entre eles os marxinados ou desfavorecidos. Nelas tamén se pide que se utilicen instrumentos innovadores na práctica do traballo no ámbito da mocidade e nos ámbitos da educación e a formación, o deporte e a cultura, os servizos sociais e as tecnoloxías da información e a comunicación.

Os ministros tamén cambiaron impresións sobre a maneira de conseguir que os mozos volvan conectar co proxecto europeo, como actuación consecutiva aos debates do cume informal de Bratislava celebrada en setembro.

Educación

O Consello adoptou unha Resolución sobre unha Nova Axenda de Capacidades para Europa na que se destacan os principais aspectos que orientarán os seus traballos neste ámbito en resposta á comunicación da Comisión sobre a importancia estratéxica que teñen as capacidades para apoiar o emprego, o crecemento e a competitividade.

Abarca aspectos como a creación de capacidades, o recoñecemento mutuo das cualificaciones profesionais, o apoio tanto á educación e formación profesionais como á educación superior, así como as formas de estudar todo o potencial da economía dixital co fin de promover o «investimento permanente nas persoas».

O Consello tamén alcanzou un acordo político sobre unha Recomendación relativa a novas oportunidades para adultos, no marco da Garantía de Capacidades proposta pola Comisión. Ten por obxecto ofrecer aos adultos pouco cualificados a posibilidade de adquirir capacidades, coñecementos e competencias pertinentes para o mercado laboral e para unha participación activa na sociedade.

O Consello adoptou unhas Conclusións sobre a prevención da radicalización que conduce ao extremismo violento, que resultan moi oportunas no contexto do primeiro aniversario dos atentados terroristas de París.

Nelas sublíñase a necesidade de socavar e cuestionar as actuais ideoloxías extremistas violentas, contrarrestalas con alternativas non violentas que resulten atractivas, e prestar apoio aos pais, irmáns, compañeiros, animadores xuvenís e outras persoas que están en contacto con mozos expostos á radicalización violenta.

Tamén se fai fincapé na necesidade de implicar aos provedores de servizos e cooperar con eles na loita contra o delito de incitación ao odio en liña, respectando ao mesmo tempo plenamente a liberdade de expresión, dada a función que teñen as redes sociais como vehículo principal para captar, preparar e incitar aos radicais en potencia a cometer actos violentos.

Cultura e medios audiovisuais

O Consello tomou nota dun informe de situación referente á proposta de revisión da Directiva sobre os servizos de comunicación audiovisual, cuxo obxectivo é adaptar mellor a Directiva á era dixital, tendo en conta a velocidade dos avances tecnolóxicos, o xurdimento de novos modelos de negocio e a evolución das pautas de consumo.

As principais cuestións que seguen debaténdose no Consello son a ampliación do ámbito de aplicación da Directiva aos servizos de plataformas de distribución de vídeos e o grao da súa regulamentación, as normas cuantitativas sobre publicidade televisiva, as obrigacións dos provedores de servizos á carta de promover as obras europeas, a harmonización das normas entre os servizos lineais e á carta, o principio do país de orixe e o papel do organismo europeo de autoridades normativas nacionais (ERGA).

O Consello adoptou unha orientación xeral relativa á Decisión sobre o Ano Europeo do Patrimonio Cultural (2018). O obxectivo xeral desta iniciativa é sensibilizar acerca da riqueza do patrimonio cultural europeo e das posibilidades que pode ofrecer e compartir os valores e ideais europeos arraigados nel. Ao mesmo tempo, pretende chamar a atención sobre os retos aos que se enfronta o patrimonio cultural.

A elaboración dun enfoque estratéxico para as relacións culturais internacionais vén sendo prioritaria para o Consello desde hai tempo. Os ministros debateron a forma en que a UE e os seus Estados membros poden cooperar de forma eficaz para lograr un enfoque máis estratéxico e global neste ámbito.

Deporte

O Consello adoptou unhas Conclusións sobre a diplomacia deportiva que tratan do uso do deporte como medio para influír nas relacións diplomáticas, interculturais, sociais, económicas e políticas. Esta cuestión tamén se abordou na reunión cos representantes deportivos.

Nas Conclusións pídese aos Estados membros que estuden cal é a mellor forma de aproveitar o potencial do deporte a escala nacional, en particular mediante a educación e a participación de deportistas de renome como mensaxeiros dedicados a promover valores positivos deportivos e europeos.

Fonte: Consello Europeo

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante