Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

21/05/2019

A Comisión móstrase satisfeita coa aprobación por parte do Consello de novas normas sobre os plásticos dun só uso dentro da economía circular europea

A UE é líder mundial en xestións dos residuos de plástico presentes nos océanos e mares que bañan Europa. Fonte: © European Union 2016. Fotógrafa: Jennifer Jacquemart.jpg
  • O Consello da UE adoptou ambiciosas medidas, a instancias da Comisión, para facer fronte aos residuos mariños procedentes dos 10 produtos de plástico dun só uso máis frecuentes nas praias europeas.
  • A estes residuos mariños únense outros igual de habituais nas costas europeas como as artes de pesca abandonados e os plásticos  oxodegradables.
Bruxelas, 21 de maio de 2019. O Consello da UE adoptou hoxe un paquete de ambiciosas medidas, a instancias da Comisión Europea, a fin de facer fronte aos residuos mariños procedentes dos 10 produtos de plástico dun só uso que se achan con máis frecuencia nas praias europeas. As normas relativas aos plásticos dun só uso e as artes de pesca contemplan diferentes medidas aplicables a distintos produtos e sitúan á UE na vangarda da loita mundial contra os desperdicios mariños. Os produtos de plástico dun só uso (como cubertos, pratos e pallas) non poderán comercializarse cando haxa alternativas fácilmente dispoñibles e alcanzables. No caso doutros produtos, o obxectivo consiste na limitación do seu uso mediante a redución do consumo a escala nacional; a introdución de requisitos de deseño e etiquetaxe, e a imposición de obrigacións de xestión e limpeza de residuos aos produtores.

Un paquete de medidas proporcionadas e máis específicas
As novas normas aprobadas polo Consello son proporcionadas, e adaptáronse para obter os mellores resultados. Isto quere dicir que se van a aplicar medidas diferentes a produtos diferentes. Entre as novidades atópanse:
  • A prohibición dunha selección de produtos de plástico dun só uso para os que existen alternativas no mercado:  bastonciños de algodón, cubertos, pratos, pallas, remexedores de bebidas, paus de globos de plástico, vasos, recipientes para alimentos e bebidas de poliestireno expandido e todos os produtos fabricados con plástico oxodegradable.
  • Medidas para reducir o consumo de recipientes para alimentos e vasos para bebidas feitos de plástico, xunto a un marcado e etiquetaxe específica de determinados produtos.
  • Sistemas de responsabilidade ampliada do produtor, que cobren os custos de limpeza dos lixos e se apliquen a produtos como os filtros do tabaco e as artes de pesca.
  • Un obxectivo de recollida selectivo para as botellas de plástico do 90% de aquí a 2029 (77% para 2025) e a introdución de requisitos de deseño para unir os tapóns ás botellas. 
  • Así como un obxectivo para incorporar o 25% do plástico reciclado nas botellas  PET a partir de 2025, e o 30% en todos os frascos de plástico a partir de 2030.
Próximas etapas
A decisión adoptada hoxe polo Consello da UE irá seguida da publicación dos textos no Diario Oficial da Unión Europea. A Directiva entrará en vigor 20 días despois da súa publicación. Ademais, os Estados membros dispoñerán de dous anos para transpoñela ao seu Dereito nacional. Esta Directiva establece datas diferentes para a transposición en relación con determinadas medidas:
  • As prohibicións e as obrigacións de marcado terán que transpoñerse dous anos despois da entrada en vigor.
  • O requisito de unión dos tapóns e as tapas a todos os envases de bebidas de ata 3 L comezará a aplicarse 5 anos despois da entrada en vigor da Directiva.
  • As obrigacións adicionais de responsabilidade ampliada dos produtores deberán  transpoñerse entre xaneiro de 2023 e o 31 de decembro de 2024, en función do produto.
Contexto
A Directiva sobre o plástico dun só uso é un elemento esencial do Plan de acción para a economía circular da Comisión Juncker e forma parte da estratexia da UE sobre o plástico, a estratexia máis exhaustiva do mundo, que adopta un enfoque baseado no ciclo de vida de cada material para facer fronte ao problema da contaminación dos residuos plásticos e apoiar a visión dunha industria do plástico intelixente, innovadora e sustentable. A Directiva segue unha formulación similar á da Directiva de 2015 sobre as bolsas de plástico, a cal tivo gran éxito e xerou rapidamente un cambio no comportamento dos consumidores. Cando se apliquen, as novas medidas xerarán beneficios tanto ambientais como económicos, por exemplo:
  • Evitarán que se emitan 3,4 millóns de toneladas equivalentes de CO2.
  • Evitarán que se produzan uns danos ambientais que custarían uns 22.000 millóns de euros de aquí a 2030.
  • Permitirán aos consumidores aforrar 6.500 millóns de euros, segundo as últimas estimacións.

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante