Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

08/10/2014

A Xunta e Bankia asinan un convenio para impulsar a Formación Profesional Dual

Santiago de Compostela, 8 outubro de 2014. - Os presidentes da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e de Bankia, José Ignacio Goirigolzarri, asinaron hoxe un convenio polo que a entidade achegará un millón de euros en cinco anos para o impulso da Formación Profesional Dual.

O acordo, presentado en conferencia de prensa, pretende implicar ás empresas no programa educativo para favorecer a inserción laboral e a contratación directa dos mozos, así como a adquisición das competencias no propio lugar de traballo, o que supón un maior achegamento entre o estudante e o seu futuro profesional.

Tras a firma do convenio, Goirigolzarri enmarcou esta iniciativa na reflexión que fixo o seu equipo directivo ao chegar a Bankia sobre a obra social e o patrocinio, coa conclusión de que debían facer fincapé na vivenda e a educación e, dentro desta, a formación profesional como primeira prioridade.

Insistiu en que, ademais, a modalidade de FP Dual é "especialmente interesante" e é na que se produce máis simbiose, máis sinerxías entre os estudantes de FP e as empresas que son clientas da entidade.

Pola súa banda, Núñez Feijóo subliñou que apostar pola FP Dual é apostar pola inserción laboral, polos mozos e pola economía sostible.

O xefe do Goberno galego insistiu en que a FP é un dos "grandes eixos" sobre os que se poden incrementar as capacidades da economía galega, como acontece noutros países de Europa, especialmente Alemaña.

Recoñeceu, non obstante, que durante décadas foi a modalidade educativa peor tratada, un enfoque que, afortunadamente, está a cambiar, dada a súa importancia para entrar no mercado laboral.

Núñez Feijóo dixo que o acordo con Bankia permitirá avanzar nas liñas de traballo da Xunta en formación do profesorado, proxectos de innovación para os estudantes e prácticas remuneradas nas empresas.

Recordou que dende 2009 o seu Goberno tomou "medidas estruturais" neste ámbito e expresou a súa seguridade de que o seguirán facendo os gobernos que lle sucedan, porque se trata de "unha das pancas da recuperación", co achegamento do mundo académico ao profesional.

Resaltou así mesmo a demanda destes estudos, de maneira que nos tres últimos anos a FP xa supera o bacharelato e deixou de ser de "segunda división", cun incremento nos últimos cinco anos dun 48,8% da matrícula e case un 50% das prazas.

Concluíu que este impulso á FP se está a rexistrar non en época de bonanza, senón de dificultades, e reiterou que iso é así pola aposta por lograr unha maior competitividade para a economía galega.

(Fonte: elEconomista.es)


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante