Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

09/09/2014

A Comisión afirma que as constatacións da OCDE confirman a importancia de investir en educación para o crecemento e o emprego na UE

Bruxelas, 9 de setembro de 2014. - A Comisión Europea manifesta a súa satisfacción por que hoxe se publique «Panorama da educación 2014», o informe anual da Organización de Cooperación e Desenvolvemento Económicos (OCDE) sobre a situación actual dos sistemas de educación nacionais e os retos aos que se enfrontan. No informe destácase a crecente importancia do investimento en educación para lograr que a UE creza e cree emprego no futuro e para que a sociedade europea sexa máis integradora.

O informe engloba trinta e catro países membros da OCDE, entre os que se encontran vinte e un Estados membros da UE (Alemaña, Austria, Bélxica, Chequia, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, España, Estonia, Finlandia, Francia, Grecia, Hungría, Irlanda, Italia, Luxemburgo, Países Baixos, Polonia, Portugal, Suecia e Reino Unido). Letonia, se ben non é membro da OCDE, tamén figura no informe como país socio da Organización.

«Este informe é unha fonte importante de coñecementos e probas para os responsables políticos; contribúe a aumentar a nosa comprensión dos retos aos que nos enfrontamos. Tamén pon de manifesto que seguen existindo grandes diferenzas entre os Estados membros da UE en canto ao nivel de capacidades, tanto entre os recén titulados coma entre os grupos de máis idade. O informe concorda coa política da Comisión: mellorar a calidade da educación e aumentar os niveis de capacidades é un investimento intelixente e unha forma eficaz de combater as desigualdades das nosas sociedades», declarou Androulla Vassiliou, Comisaria Europea de Educación, Cultura, Multilingüismo e Xuventude.

«Temos que garantir que, en particular, os mozos estean dotados das capacidades que necesitarán na súa vida laboral, así como que se dea aos adultos a oportunidade dunha aprendizaxe continua».

Hoxe en Bruxelas, Andreas Schleicher, Director de Educación e Competencias da OCDE, presentará «Panorama da educación 2014» e Xavier Prats Monné, Director Xeral de Educación e Cultura da Comisión Europea, falará sobre a pertinencia e as implicacións que teñen as conclusións do informe para as estratexias da UE e os seus Estados membros. A sesión de información celébrase ás once da mañá na sala Jean Rey do edificio Berlaymont, da Comisión.

Principais constatacións sobre a UE en «Panorama da educación 2014»:

As oportunidades educativas seguen ampliándose de forma significativa en Europa. A proporción da poboación adulta con estudos de educación terciaria aumentou constantemente na maioría de países da UE durante a última década (ata o 29%), se ben a UE segue atrasada con respecto á media da OCDE (un 33%). A proporción de alumnos con segundo ciclo de ensino secundario mantívose estable, mentres que diminuíu a proporción dos que teñen un nivel inferior ao nivel citado. O informe confirma a análise da Comisión de que, se se mantén a tendencia actual, están ao alcance os obxectivos da Estratexia Europa 2020 de que polo menos o 40% dos mozos finalicen a educación terciaria e de que menos do 10% abandonen os estudos antes de completar o segundo ciclo de ensino secundario.

Un alto nivel de educación e capacidades paga a pena tanto para as persoas coma para a sociedade: un titulado de educación superior coas máximas capacidades en lectura e escritura -medidas conforme á enquisa da OCDE sobre as competencias dos adultos- gaña, por termo medio, un 45% máis que un adulto cun nivel educativo similar que presente o nivel de lectura e escritura máis baixo. En xeral, en todos os países da OCDE, é máis probable que as persoas con maior nivel educativo teñan emprego e, canto maior sexa o nivel educativo, maiores son os ingresos medios. A sociedade no seu conxunto tamén se beneficia dun menor gasto social e a través dos impostos: por termo medio, o rendemento público neto dunha persoa cun nivel de educación terciaria representa de dous a tres veces o importe investido.

Un alto nivel de ensino alcanzado non sempre equivale a un nivel de capacidades similar. Existen notables diferenzas na UE entre os niveis de capacidades de persoas con titulacións similares: algúns dos que acaban de obter o segundo ciclo de ensino secundario en países como o Países Baixos ou Finlandia logran puntuacións similares ou máis elevadas que titulados de ensino superior de Irlanda, Italia, o Reino Unido e España.

As capacidades axeitadas son importantes durante a transición da educación ao traballo. Nun recente estudo publicado pola Comisión Europea destacouse que os coñecementos especializados profesionais son fundamentais, pero aptitudes interpersoais como a comunicación e a capacidade de traballar en equipo son cada vez máis importantes e que a experiencia laboral durante os estudos é un elemento a favor para a empregabilidade dos titulados de ensino superior.

O persoal docente envellece. Por termo medio, nos países da UE, o 37% dos profesores de ensino secundario teñen cincuenta anos ou máis. A porcentaxe é do 45%, ou superior, en Alemaña, Austria, Estonia e Países Baixos, e do 60% en Italia. Isto subliña a importancia de manter ou aumentar o atractivo da profesión docente, unha cuestión sobre a que a Comisión publicou recentemente un estudo detallado, con recomendacións para mellorar a formación inicial e continua dos profesores e o apoio ao principio da súa carreira profesional.

Aumenta o investimento privado na educación terciaria. A porcentaxe de gasto privado en educación terciaria aumentou dun 14% en 2000 a un 21% en 2012 nos países da UE, o cal se debe, en particular, a que, nalgúns países, aumentaron as taxas académicas ou se introduciron outras novas. A proporción do gasto privado segue sendo bastante inferior ao 31% da media da OCDE e existen grandes diferenzas entre os países da UE, que oscilan entre o 6% en Dinamarca e Finlandia ata o 65% no Reino Unido. Nun estudo recente publicado pola Comisión chégase á conclusión de que os sistemas de axudas aos estudantes (bolsas ou préstamos) son fundamentais para compensar a incidencia das taxas académicas no número de estudantes matriculados.

Contexto<

«Panorama da educación» baséase en datos recompilados pola OCDE, Eurostat e a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco). A edición de 2014 baséase tamén nos resultados de estudos recentes da OCDE: a enquisa sobre as competencias dos adultos, o estudo PISA, o programa de avaliación internacional para medir as aptitudes dos mozos de quince anos e TALIS, a enquisa internacional sobre docencia e aprendizaxe en relación cos profesores e directores. A Comisión acolle favorablemente este informe no contexto do recente acordo de cooperación reforzada entre o Departamento de Educación da OCDE e a Dirección Xeral de Educación e Cultura da Comisión para analizar os seus sistemas educativos.

(Fonte: Comisión Europea)


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante