Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

10/10/2014

Zona Franca pon en marcha coa Fundación Incyde e a Cámara de Comercio de Vigo o Innovation Start-up Vigo Camp

Vigo, 10 de outubro de 2014. - Coa firma dun convenio entre o presidente da Cámara de Comercio, José García Costas, o director xeral da Fundación Incyde, Javier Collado e a delegada do Consorcio da Zona Franca, Teresa Pedrosa, esta mañá púxose en marcha o denominado INNOVATION START-UP VIGO CAMP, un modelo de adestramento para que novos de ata 30 anos, recén titulados universitarios, participen nun novidoso programa para a creación de empresas que teñan un alto potencial innovador. Este "campamento" consiste en que, despois dun proceso de selección, a 15 mozos recén titulados se lles sufragarán os gastos de traslado, hospedaxe e manutención nun lugar a determinar dentro da área de Vigo durante dous meses, coa asignación de mentores especializados que compartirán con eles semanas de formación e traballo. Ademais, no caso de que á finalización do programa emprendedores e mentores decidan constituír conxuntamente unha empresa (nas condicións a determinar nas bases da convocatoria) o programa -que ten un presuposto de 60.000 €- cederalles un espazo nalgunha das incubadoras da Zona Franca para poder instalarse alí durante o primeiro ano de vida de forma gratuíta.

Javier Collado explicou en rolda de prensa que este modelo que agora se vai implantar en Vigo, a fundación Incyde, que el preside, xa o experimentou en Toledo con excelentes resultados polo que se considerou que pode ser altamente interesante servirse da experiencia adquirida para desenvolver, no ámbito da cidade de Vigo, un proxecto similar. Deste xeito, os asinantes colaborarán na potenciación do crecemento intelixente e especializado, acorde coas directrices europeas xa que o programa se aproveitará dos recursos financiados na rexión con Fondo Social Europeo a través da Fundación INCYDE.

Como vén facendo dende hai tempo, Teresa Pedrosa insistiu en que no momento actual nos encontramos cun ámbito no cal os mozos recén licenciados se enfrontan a un mercado laboral en crise onde a busca dun traballo por conta allea lles leva a realizar as súas saídas profesionais noutros países, coa conseguinte perda de talento para a terra que os criou e educou. Para facer fronte a este problema o Consorcio da Zona Franca, puxo en marcha novos recursos para promover que o emprendedor que teña unha idea de crear unha empresa poida contar con formación, situación e financiamento. Con este campamento para a innovación quérese resolver un dos problemas maiores aos que se segue enfrontando o emprendedor, que é a difícil tarefa de xerar unha idea brillante e en caso de xerala, poder enfrontarse a todas as dificultades que leva consigo o convertila nunha empresa de futuro.

Ao fío disto, José García Costas dixo que neste contexto e nun ambiente no que se fomentará a creatividade e o coñecemento dos últimos avances tecnolóxicos, os emprendedores e mentores xerarán ideas, deseñarán prototipos e, en caso de éxito, crearán unha empresa para, entre outras cousas, "escalar" os prototipos deseñados.

Obxectivo

O proxecto consiste nunha experiencia novidosa, por medio da cal quince mozos emprendedores xunto cos seus mentores, idearán, deseñarán e constituirán tres STARTUP de alto contido innovador no prazo de dous meses.

Entre os obxectivos do campamento están:

  • Apoiar mozos graduados que teñan espírito creativo e emprendedor.
  • Fomentar o espírito emprendedor e as iniciativas innovadoras como elementos de progreso.
  • Testear novas metodoloxías para o emprendemento.
  • Poñer de manifesto o importante papel da formación e a incubación, na creación de novas empresas.

Por iso, a Fundación INCYDE, a Zona Franca de Vigo e a Cámara de Comercio de Vigo co apoio do FSE, propoñen desenvolver unha nova metodoloxía para crear empresas de alto potencial innovador. No prazo de dous meses, nun ambiente no que se fomentará a creatividade e o coñecemento dos últimos avances tecnolóxicos, os emprendedores e mentores, xerarán as ideas, deseñarán e testearán prototipos, crearán a empresa e escalarán o prototipo en caso de éxito. Os emprendedores seleccionados, compartirán sete semanas de formación e traballo cos mentores e terán a oportunidade de participar en diferentes sesións formativas e talleres prácticos impartidos por profesionais de referencia no sector.

As empresas que constitúan e obteñan a aprobación dos organizadores, na súa presentación final, poderán situarse nunha das incubadoras de empresas do Consorcio da Zona Franca de Vigo.

O equipo de mentores estará formado por expertos nas áreas funcionais da empresa e nas novas tecnoloxías base do desenvolvemento da futura economía do coñecemento.

(Fonte: Consorcio Zona Franca de Vigo)


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante