Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

24/10/2014

Repsol procura ideas e proxectos innovadores sobre enerxía e eficiencia para convertelas en empresas

  • A compañía presentou en Vigo a cuarta convocatoria do seu Fondo de Emprendedores
  • Os proxectos seleccionados serán subvencionados con 6000 euros ao mes durante un máximo de dous anos

Vigo, 24 de outubro de 2014.- Entre o coñecemento xerado polos grupos de investigación e o mundo empresarial semella haber unha distancia longa, tanto que moitas das ideas que xorden nas universidades non chegan nunca a converterse nunha realidade empresarial que reporte beneficio e progreso á sociedade. A ponte que cobre esta distancia é a transferencia de coñecemento, e o emprendemento é unhas das súas fórmulas, que permite que a comunidade investigadora ou os estudantes poñan en valor as súas ideas e proxectos converténdoos nunha empresa ou negocio que achegue á cidadanía os resultados da I+D+i universitaria. Segundo explica a vicerreitora de Investigación e Transferencia, Asunción Longo, “falta cultura de emprendemento nas universidades e iniciativas alleas a nós moitas veces serven para que esta corrente vaia enraizando”. Este é o caso do Fondo de Emprendedores da Fundación Repsol, que este venres foi presentado na EE de Telecomunicación por Encarna Sanz, directora de Estratexia e Control da Fundación Repsol e María Solís, técnico da área de Enerxía e Sustentabilidade.

Este programa naceu en 2011 e ten aberta a súa cuarta convocatoria ata o 15 de novembro. Nas tres primeiras edicións recibiron máis de 1600 propostas de persoas e equipos de todas as idades e procedencias. Segundo Sanz, o que adoita triunfar son os grupos multidisciplinares e recoñece que participan na iniciativa persoas dende 20 ata máis de 60 anos sempre que sexan “proxectos tecnolóxicos, que se supón que é o eido que nos vindeiros anos xerará o 75% do emprego en España”. Trátase dunha iniciativa “altruísta” que pretende “mobilizar talento” relacionado coa enerxía e eficiencia enerxética dentro dos obxectivos de compromiso social da compañía. De feito, Repsol conta tamén cun centro tecnolóxico propio con 400 investigadores e 100 millóns de euros de orzamento anual e con fondos de inversión para proxectos xa encamiñados. No caso do Fondo de Emprendedores, a compañía enerxética ofrece ás ideas seleccionadas, 27 na pasada edición, dun total de 742 presentadas, un financiamento de 6000 euros mensuais durante un máximo de dous anos. Ademais, os seleccionados poderán optar a outros 6000 euros de fondos extraordinarios para, por exemplo, fabricar prototipos ou para equipamentos tecnolóxicos que se precisen alugar. A Fundación Repsol pon a disposición dos emprendedores un local no centro tecnolóxico de Móstoles, así como un equipo de titores tanto de vertente empresarial como tecnolóxica.

María Solís, técnico da área de Enerxía e Sustentabilidade, explicou que contan cun equipo de máis de 100 avaliadores externos de universidades e centros tecnolóxicos que son os encargados de cribar os proxectos recibidos. Pero os que queden fóra tamén terán un acompañamento, “porque o importante é mobilizar á xente”, por iso contan con acordos con parques tecnolóxicos, viveiros, etc. para axudar a desenvolver tamén as ideas que non cheguen á fase final. Paralelamente, os avaliadores tamén poden seleccionar ideas que consideren interesantes pero que aínda non teñan a madurez suficiente para entrar no Fondo de Emprendedores. Estas terán un ano para madurar a iniciativa cunha axuda de 2000 euros ao mes e asesoramento e formación para que poidan presentarse á convocatoria do ano seguinte.

Do biogás á eólica offshore

O programa de emprendemento busca promover a innovación e o desenvolvemento empresarial no eido da eficiencia enerxética, pero tamén promove a creación de novas empresas e postos de traballo a través da colaboración público-privada. As propostas poden xurdir tanto de particulares como de grupos de investigación ou estudantes sempre que se centren no desenvolvemento de novos procesos, tecnoloxías, servizos, produtos e materiais dirixidos ao fomento da eficiencia enerxética. Tamén entran dentro do programa as tecnoloxías innovadoras de almacenamento e xestión de redes de transporte e distribución de enerxía que dean lugar a un menor consumo enerxético, así como a a aplicación de tecnoloxías da información dirixidas ao fomento do aforro de consumo e a mellora da eficiencia enerxética.

Na pasada edición, por exemplo, foron seleccionados proxectos centrados na produción de biogás ou biohidróxeno, un módulo fotovoltaico de concentración de ultraeficiencia enerxética, un xerador de enerxía accionado por correntes mariñas e fluviais, un novo sistema de seguridade complementaria antifugas de hidrocarburos para pozos off-shore ou un chan radiante de alta eficiencia con control intelixente por seccións. Entre as ideas para apoiar na súa maduración, os expertos seleccionaron proxectos sobre bioalgas ou sales solares, entre outros.

(Fonte: Universidade de Vigo)


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante