Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

24/04/2014

Publicadas no DOG dúas ordes para mellorar a empregabilidade da mocidade cun orzamento de 4,2 millóns e 1.600 beneficiarios

  • A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, ofreceu hoxe unha rolda de prensa para informar sobre estas medidas incluídas entre as 19 que compoñen o Plan de Emprego Xuvenil
  • Na súa intervención incidiu en que é a primeira vez que se aproban ordes destas características na Comunidade
  • A primeira das dúas ordes está dirixida á formación para mozos desempregados (menores de 30 anos) con baixa cualificación
  • Para financiar estes cursos só en 2014 investiranse 2,3 millóns de euros e beneficiarase a 1.125 alumnos
  • A segunda das ordes presentada hoxe vai dirixida a mozos e mozas de entre 18 e 25 anos que teñan unha titulación universitaria, un ciclo de grao medio o superior, ou un certificado de profesionalidade
  • Destinaranse 1,9 millóns de euros para financiar prácticas non laborais en empresas para 500 destes mozos, tanto no presente ano como en 2015

Santiago, 24 de abril de 2014.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe dúas ordes de emprego para regular dúas das actuacións máis novidosas do Plan de Emprego Xuvenil: as accións formativas dirixidas a desempregados menores de 30 anos con baixa cualificación e as bolsas para que mozos cualificados menores de 25 anos poidan realizar prácticas en empresas, cun orzamento de máis de 4,2 millóns de euros e que terán máis de 1.600 beneficiarios.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, ofreceu hoxe unha rolda de prensa para informar sobre estas medidas incluídas entre as 19 que compoñen o Plan de Emprego Xuvenil, unha estratexia que a Xunta de Galicia ten posto en marcha de forma coordinada e pioneira, e que conta cun orzamento de preto de 100 millóns de euros para os anos 2014 e 2015. Na súa intervención incidiu en que é a primeira vez que se aproban ordes destas características na Comunidade.

A primeira das dúas ordes está dirixida á formación para mozos desempregados (menores de 30 anos) con baixa cualificación. Para financiar estes cursos só en 2014 investiranse 2,3 millóns de euros e beneficiarase a 1.125 alumnos, entre os que terán preferencia os alumnos que xa superaran algún módulo dun certificado de profesionalidade ou obtiveran acreditacións parciais, as persoas que estean seguindo un itinerario personalizado de inserción; as mulleres, especialmente as que foran vítimas de violencia de xénero; as persoas con discapacidade; os desempregados de longa duración; e as persoas en risco de exclusión social.

Beatriz Mato explicou que, dos máis de 44.000 menores de 30 anos que actualmente están en situación de desemprego, o 60% teñen unha cualificación moi baixa ou directamente non teñen ningunha. Por iso, fíxose da formación o eixe principal do Plan de Emprego Xuvenil, que engloba o 75% do investimento total.

Neste sentido, aclarou que o departamento autonómico aposta “firmemente” por unha formación de calidade, que estea vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade que acredite a preparación dos traballadores e mellore significativamente os seus currículums.

En Galicia pasouse de certificar arredor do 58% dos cursos financiados pola Consellería en 2012, a facelo con preto do 100% no pasado ano, ao igual que ocorrerá este ano. Grazas a esta aposta, desde 2009 máis de 36.000 traballadores e traballadoras obtiveron un certificado de profesionalidade na Comunidade, o que a coloca á cabeza de todas as Autonomías en formación certificada.

Financiamento de prácticas non laborais

A segunda das ordes presentada hoxe vai dirixida a mozos e mozas de entre 18 e 25 anos que teñan unha titulación universitaria, un ciclo de grao medio o superior, ou un certificado de profesionalidade.

Destinaranse 1,9 millóns de euros para financiar prácticas non laborais en empresas para 500 destes mozos, tanto no presente ano como en 2015. As prácticas terán unha duración de entre seis e nove meses, e poderán solicitarse ata o 15 de novembro deste ano.

A responsable de Traballo indicou que, na posta en marcha desta medida, “tívose moi en conta que as prácticas en empresas adoitan ser unha boa porta de entrada ao mercado laboral para os mozos”. De feito, o propósito das bolsas é impulsar o seu acceso ao mercado laboral, ao tempo que se mellora o seu currículum.

Para acadar ese obxectivo, a Consellería vai subvencionar estas bolsas coa contía correspondente ao 75% do IPREM diario por cada unha das persoas que realice as prácticas. Tendo en conta que o IPREM diario é actualmente 17,75 euros, a subvención será de 13,35 euros diarios. É dicir, 400 euros ao mes.

Pola súa banda, os mozos percibirán das empresas por estas prácticas as seguintes contías: Se as prácticas teñen unha duración de catro horas diarias, o 80% do IPREM mensual. É dicir, 426 euros. No caso de que superen as catro horas diarias, o 100% do IPREM mensual, o cal equivale a 532,5 euros.

Por último, Beatriz Mato explicou que estas dúas novas ordes “supoñen unha nova proba do noso compromiso coa mellora da empregabilide da mocidade galega”. Para conseguilo púxose en marcha “un plan pioneiro, no que por primeira vez en Galicia tres consellerías (Traballo, Educación e Economía) traballan de xeito coordinado e transversal para facerlle fronte ao desemprego xuvenil”.

(Fonte: Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia)


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante