Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

07/04/2014

A Comisión Europea celebra unha conferencia de alto nivel sobre a Garantía Xuvenil

Bruxelas, 7 de abril de 2014. - A Comisión Europea celebrará unha conferencia en Bruxelas o 8 de abril para dar a coñecer e discutir os progresos na loita contra o desemprego dos máis novos derivados da Garantía Xuvenil, así como para analizar de que xeito se está a implementar o programa nos distintos Estados membros. A conferencia ”Garantía Xuvenil: Facela posible” será inaugurada polo presidente da Comisión Europea José Manuel Durão Barroso. Entre os relatores estará o comisario de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión, Laszlo Andor e o director xeral da Organización Mundial do Traballo (OIT), Guy Ryder.

Sobre a conferencia, o presidente Barroso dixo ”Cun desemprego xuvenil inaceptablemente alto na UE, necesitamos tomar medidas urxentes para axudar aos mozos a encontrar un emprego. Os programas de Garantía Xuvenil demostraron a súa eficacia en varios Estados membros, e esa é a razón de que a Comisión Europea decidise poñelos en marcha en toda a Unión. Apoiamos a súa implementación con máis de 6 billóns de euros provintes da Iniciativa de Emprego Xuvenil, que agora os Estados deberán xestionar axeitadamente. Este é un compromiso do máis alto nivel no que estamos a traballar para que os mozos vexan o futuro con máis esperanza”.

O comisario Andor engadiu ”A Garantía Xuvenil non se parece a nada anterior. É unha ambiciosa e innovadora política para o emprego xuvenil que persegue un resultado moi claro: que todo mozo reciba unha boa oportunidade laboral nos catro meses posteriores á súa inscrición como demandante de emprego. Isto require investimento e profundos cambios estruturais no xeito no que se presta apoio aos mozos na súa transición da formación regulada ao mercado laboral. Non podemos esperar que as perspectivas laborais de todos os nosos mozos melloren dun día para o outro. Pero realmente confiamos en que todos os Estados membros implementen o antes posible a Garantía Xuvenil para ofrecerlles a todos eles unha oportunidade real”.

A conferencia analizará as medidas introducidas e propostas para poñer en marcha a Garantía Xuvenil, con exemplos de boas prácticas. Prestaráselles especial atención aos desafíos que haberán de afrontar os países con maior taxa de desemprego xuvenil para a súa aplicación, e tamén se discutirá como o financiamento europeo pode ser utilizado dun xeito máis eficaz para apoiar esta iniciativa. Representantes da Organización Internacional do Traballo (OIT), a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OECD, en inglés), e de Australia (en representación da Presidencia correspondente do G20) debaterán sobre o problema do desemprego xuvenil dende unha perspectiva global, e destacarán como a Garantía Xuvenil europea se relaciona con políticas de emprego xuvenil doutras grandes economías mundiais. Os actores sociais tamén participarán e debaterán que cambios estruturais e sistémicos son precisos para que exista unha coherencia entre as demandas do mercado laboral e a formación ou mellora de capacidades. Tamén existirá unha importante implicación do sector privado na conferencia, na que se debaterán contribucións concretas de empresas incluídas na Alianza Europea para a Formación de Aprendices orientadas a mellorar a oferta de prácticas e mellorar os sistemas duais de formación.

O programa completo pódese visitar na web do evento, dende onde os usuarios tamén poderán ver a conferencia en streaming.

Contexto

Con cinco millóns e medio de persoas menores de 25 anos incapaces de encontrar un traballo, o desemprego xuvenil segue sendo un dos maiores desafíos aos que se enfronta Europa. É por iso que a Comisión Europea estivo a traballar en medidas para abordar esta problemática, principalmente a mencionada Garantía Xuvenil, proposta en decembro de 2012 e adoptada polo Consello en abril de 2013. A Garantía Xuvenil é unha das reformas estruturais máis urxentes e cruciais que deben introducir os Estados membros para enfrontar o desemprego xuvenil e mellorar a transición entre a formación regulada e o mercado de traballo.

Os Estados membros terán que ofrecer a todos os mozos de menos de 25 anos un posto de traballo de calidade, formación continua ou períodos de aprendizaxe ou prácticas nos catro meses seguintes a que estes finalizasen os seus estudos ou se inscribisen como demandantes de emprego. A lóxica é simple: os Estados membros deben asegurar que os mozos reciban un asesoramento personalizado que lles permita encontrar un emprego axeitado á súa educación, capacidades ou experiencia, ou ben acceder a aquela formación ou habilidades que poidan aumentar potencialmente as súas posibilidades de encontrar un traballo no futuro.

A Comisión Europea instou aos Estados membros a poñer en marcha a Garantía Xuvenil co apoio económico do Fondo Social Europeo, con contías de máis de 80 mil millóns de euros para o período 2014-2020, e da Iniciativa de Emprego Xuvenil (YEI, nas súas siglas en inglés) cun presuposto de 6,4 mil millóns de euros para 2014 e 2015.

A Garantía Xuvenil compleméntase cun Marco de Calidade para os Períodos de Prácticas, adoptado polo Consello de Ministros o 10 de marzo co obxectivo de facilitar o acceso dos mozos a experiencias laborais de calidade en condicións seguras; así como coa Alianza Europea para a Formación de Aprendices, posta en marcha pola Comisión en xullo de 2013 para mellorar a calidade e a oferta de prácticas a través da UE.

(Fonte: Comisión Europea)


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante