Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

20/02/2014

Presentación do Plan de Emprego Xuvenil 2014-2015 da Xunta de Galicia

  • O Plan está dotado con 100M de euros e beneficiará a 95.000 persoas nos próximos dous anos
  • As 19 medidas que compoñen o plan xiran en torno a tres piares: a formación, a contratación e o emprendemento

  • A metade das accións do programa están dirixidas ao fomento da formación, aglutinando un 75% do orzamento

Santiago, 20 de febreiro.- Hoxe foi presentado en rolda de prensa polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, o Plan de Emprego Xuvenil 2014-2015 que, dotado con 100 millóns de euros nos próximos dous anos, beneficiará a máis de 95.000 mozos e contará cun paquete de 19 medidas para facilitar a súa inserción laboral a través de tres eixos fundamentais: a formación, a contratación e o emprendemento.

Logo de destacar a importancia desta actuación específica por ser o paro xuvenil un dos datos máis preocupantes da crise económica, Feijóo subliñou que o programa presentado é “un plan concreto para mozos e mozas galegas, que non só os mantén como prioritarios nos accesos ás distintas fórmulas de axudas e incentivos á contratación da Xunta de Galicia, senón que debuxa unha folla de ruta específica para a mocidade galega que non atopa traballo”.

A metade das accións do programa están dirixidas ao fomento da formación, como resposta aos datos que acreditan que máis de 28.000 mozos galegos menores de 30 anos non teñen ningún tipo de formación ou só estudos primarios, feito que os converte segundo as estatísticas nun dos colectivos que máis dificultades está a atopar para a inserción laboral.

Dentro desta liña de actuación, Beatriz Mato destacou a formación orientada a esta xente nova sen formación que lles permita obter certificados de profesionalidade; ou o contrato de formación dual, que permite combinar un traballo e unha formación específica. O programa tamén inclúe medidas de formación para desempregados en centros educativos e o programa de atención preferente no Servizo Público de Emprego a mozos que nin estudan nin traballan.

No tocante ao emprendemento, Feijóo garantiu o apoio aos autónomos, aos emprendedores e ás cooperativas de xente moza, precisando que o Plan de Emprego Xuvenil recolle unha serie de medidas como a nova Orde para autónomos menores de 30 anos, as axudas para a creación de pemes ou as accións formativas en materia de creación e xestión de empresas. Así mesmo, resaltouse que a galega será unha das primeiras comunidades en contar cunha Lei de economía social que recollerá a creación da cooperativa xuvenil.

Durante a rolda de prensa destacouse tamén a intención de seguir incentivando a contratación de mozos menores de 30 anos a través de medidas como os incentivos á contratación de aqueles que nin estudan nin traballan.

Máis información


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante