Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

Convocatoria

Coordinación, cooperación e actividades para a creación de redes entre organizacións europeas na área de desenvolvemento.

Programa

INSTRUMENTO DE FINANCIAMENTO DA COOPERACIÓN AO DESENVOLVEMENTO (ICD)

Obxectivo xeral

Esta convocatoria encádrase dentro do

Instrumento de Financiamento da Cooperación ao desenvolvemento
, e dentro deste, no programa temático da Comisión: «Participación dos axentes non estatais e as autoridades locais no desenvolvemento» (COM(2006) 19 final) que engloba o período 2007-2013.


Este programa substitúe aos antigos programas «Cofinanciamento ONG» e «Cooperación descentralizada », e intenta contribuír ao desenvolvemento sostible e a redución da pobreza a través do reforzo das capacidades e o apoio a iniciativas de actores non estatais e autoridades locais da Unión Europea e dos países socios en desenvolvemento.
O programa centrarase primordialmente nas intervencións sobre o terreo e aplicarase fundamentalmente en países e rexións en desenvolvemento onde os programas xeográficos non prevexan ningún apoio ou dotación financeira en favor dos axentes non estatais ou as autoridades locais.
O obxectivo último da convocatoria é a erradicación da pobreza no contexto dun desenvolvemento sostible así como a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) ou da máis recente declaración sobre a política de desenvolvemento da UE, o «consenso europeo sobre desenvolvemento».
Outros obxectivos a acadar como aspectos transversais son a boa gobernanza e os dereitos humanos.
As distintas intervencións deben contribuír a:
- Fomentar unha sociedade integradora e autónoma favorecendo ás poboacións sen acceso aos recursos e servizos básicos.
- reforzar a participación das organizacións da sociedade civil nos países socios e facilitar a interacción entre os axentes estatais e non estatais.
- Aumentar a concienciación da poboación europea sobre as cuestións de desenvolvemento a través de actividades de sensibilización e educación.
- Mellorar a eficacia da cooperación a través da creación de sinerxias.

Obxectivo específico da convocatoria

O obxectivo desta convocatoria é apoiar accións que estean encamiñadas a lograr un cooperación máis eficiente, fomentar sinerxias e facilitar o diálogo no ámbito do desenvolvemento, entre actores non estatais e autoridades locais (ou asociacións de entidades locais) da UE e países candidatos entre si, así como entre estes e as institucións comunitarias.
O programa pretende apoiar as actividades destinadas a:
- Reforzar redes e plataformas de axentes non estatais e autoridades locais, incluíndo a súa capacidade para construír alianzas transnacionais e difusión de boas prácticas en materia de desenvolvemento.
- Aumentar o número de asociacións de múltiples actores e consolidar os intercambios entre os diferentes tipos de redes de axentes non estatais e actores locais.
- Fortalecer as plataformas de axentes non estatais e actores locais a fin de desempeñar un papel activo nos seus países e a nivel da UE. Desa forma, trátase de fomentar o apoio ás políticas de desenvolvemento e á consolidación do diálogo entre as diversas partes implicadas do Norte e entre estas e as institucións comunitarias.
Sempre que sexa posible valorarase a integración de temas transversais como os dereitos humanos, a igualdade de xénero, os dereitos dos nenos, das persoas maiores, dos pobos indíxenas, dos dereitos das persoas con discapacidade, o medio ambiente e o cambio climático, así como a loita contra a SIDA.

Eidos de actuación

Segundo as bases do programa no que se encadra esta convocatoria, os proxectos deben constituír
- Intervencións que impulsen o desenvolvemento participativo, fomenten os procesos de desenvolvemento das capacidades dos axentes interesados a escala nacional ou rexional e promovan os procesos de comprensión mutua e participación activa dos cidadáns nos procesos de desenvolvemento.
- Accións de sensibilización e educación no ámbito do desenvolvemento na UE e os países adherentes.
- Intervencións que fomenten a coordinación e comunicación entre as redes da sociedade civil e as autoridades locais.
Máis concretamente, subvencionaranse accións como seminarios, talleres, sesións de formación, conferencias e outras que estean encamiñadas á creación de capacidades e a creación de redes.
As accións deben ter lugar nun ou máis Estados membros da UE ou noutros países, en particular nos países en desenvolvemento, sempre que estas actividades constitúan só unha pequena parte da acción e que se xustifican debidamente, é dicir, se contribúen directamente aos obxectivos do programa.

Destinatarios

Persoas xurídicas sen ánimo de lucro nacionais dun estado Membro. Deben ser entes non estatais ou autoridades locais (ou asociacións de autoridades locais), constituídas de acordo á lexislación vixente no país en cuestión, ao menos tres anos antes da presentación da candidatura (dous no caso dos 12 Estados Membro de recente adhesión).
Os beneficiarios da subvención deben ser directamente responsables da preparación e xestión da acción cos socios (non intermediarios), e ser capaces de demostrar experiencia de tres anos (dous no caso dos países de recente adhesión) na realización de actividades no ámbito do desenvolvemento ou/e sensibilización e educación para o desenvolvemento.

Socios

Dados os obxectivos do programa, recoméndanse os proxectos nos que participan diferentes actores (particularmente entes non estatais e autoridades locais). En calquera caso, para as accións que teñen lugar en máis dun Estado membro da UE, a asociación con, polo menos, un socio claramente identificado, é obrigatoria.
Os socios deben axeitarse aos mesmos criterios que o beneficiario, coa excepción de que non se esixe un tempo mínimo en relación á constitución. Sen embargo, tamén é necesario ter experiencia no sector.

Financiamento

Serán subvencionadas accións cun orzamento comprendido entre 100.000 e 1.000.000 de euros. Por regra xeral o cofinanciamento non poderá superar o 75% do total de custos elixibles, porcentaxe que pode chegar ao 90% no caso dos 12 Estados membros de recente adhesión.

Orzamento total da convocatoria

Esta convocatoria conta en total con 3.300.000 euros, 2.700.000 euros da liña orzamentaria 21 03 01 ”Actores Non Estatais en Desenvolvemento”, para accións propostas por este tipo de actores, e 600.000 euros da liña orzamentaria 21 03 02 ”Autoridades Locais en Desenvolvemento” para este tipo de entidades.
Unha porcentaxe do 20% estará reservado preferentemente para accións de educación e concienciación nos 12 novos Estados Membros propostas por organizacións dos devanditos países.

Duración do proxecto

A duración inicial prevista dunha acción non poderá ser inferior a 10 meses nin superior a 36.

Data límite de solicitude

31/03/2009

Documentación

Comentarios

As solicitudes deben incluír un plan de comunicación e visibilidade, en consonancia coas directrices da Unión neste ámbito.
No caso de que se entregue persoalmente nas oficinas da Comisión, este prazo finalizará este día ás 16:00 (hora local).

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante