You can subscribe to our e-mail newsletter: EU news, call for proposals, partner search, agenda...
2019 foi un ano de
importantes cambios no ámbito comunitario. Non so pola renovación do Parlamento
Europeo tras as eleccións de maio e polo comezo dun novo mandato da Comisión
Europea en novembro, senón porque os líderes europeos acordaron unha nova axenda estratéxica que guía o traballo da
UE até 2024 para dar resposta a un mundo cada vez máis inestable e complexo,
como o demostra a actual pandemia.
A FGE organizou durante este ano 15 visitas
institucionais á capital comunitaria e facilitou a intervención de
representantes galegos en 10 foros de debate comunitario. Deste xeito, contribuímos ao debate europeo
explicando o noso labor en materia de cambio climático, dixitalización das
pemes ou defensa do sector pesqueiro.
Seguimos tamén de preto as difíciles
negociacións para a saída de Reino Unido da UE para sensibilizar sobre as
eventuais consecuencias para a cidadanía e a economía galegas. E preparamos o
terreo para a celebración do próximo ano xacobeo, reivindicando a importante
dimensión europea do Camiño de Santiago.
Para todo iso, a presenza en Bruxelas e o traballo en rede con outras
rexións europeas foi fundamental, así como a participación activa no Comité
Europeo das Rexións, que celebrou 25 anos de existencia.
En Galicia, a FGE continuou co seu
labor de sensibilización e formación en temas europeos, con dúas novas edicións
do programa de especialización en financiamento comunitario TecEuropa, o
lanzamento dunha plataforma virtual destinada
aos mozos #EUROXuventude e a organización dun concurso en redes para animar á
participación nas eleccións europeas.
En suma, 2019 foi un importante ano de
transición no ámbito europeo no que a Xunta contou coa experiencia e
coñecemento da FGE para seguir defendendo os intereses de Galicia neste
ambicioso proxecto que é a Unión Europea. Un proxecto que resulta hoxe aínda
máis importante e necesario para trazar o camiño de recuperación na crise sen
precedentes que estamos a vivir debido á pandemia.