Os fondos estruturais constitúen o principal instrumento de actuación da política rexional deseñada polas institucións da Unión Europea co obxectivo de reducir as disparidades rexionais e contribuír de maneira eficaz ao crecemento económico das rexións de Europa.

A pesar de que os fondos estruturais dependen do orzamento da Unión Europea, a responsabilidade de xestión está repartida entre a Comisión Europea e os Estados membros. A Comisión negocia e aproba os programas de desenvolvemento rexional (Programas Operativos) propostos polos Estados membros nos que se integrará a contribución financeira comunitaria que en ningún caso é exclusiva (a UE só financia unha parte do custo de cada proxecto). Os Estados e as rexións xestionan os programas e os aplican mediante a selección, control e avaliación dos proxectos. A Comisión participa tamén no seguimento dos programas, compromete e paga os gastos certificados e comproba o correcto funcionamento dos sistemas de control.

A Unión Europea concede axuda financeira para resolver problemas estructurais por medio de dous fondos:

  • O Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que ten como principal obxectivo promover a cohesión económica e social na Unión Europea por medio de accións dirixidas a reducir as desigualdades entre rexións. O FEDER financia inversións produtivas para crear emprego, infraestruturas, proxectos de desenvolvemento local, axudas as PEMES...

  • O Fondo Social Europeo (FSE) , pretende favorecer mediante o financiamento de accións formativas e sistemas de axuda á contratación a adaptación da poboación activa ós cambios do mercado laboral e a inserción laboral de parados e grupos desfavorecidos.


Ademais, un fondo especial de solidaridade, o Fondo de Cohesión, financia proxectos relacionados co medio ambiente e coa mellora das infraestruturas de transporte nos Estados membros con un PIB inferior ó 90% da media comunitaria. Aínda que España supera xa esta porcentaxe, España e polo tanto Galicia seguirá recibindo de forma transitoria a axuda deste fondo nos próximos anos.

A execución dos fondos prográmase por medio de períodos plurianuais. Para o período 2007-2013 a base xurídica que regula o funcionamento dos fondos está formada por cinco instrumentos:

  • Regulamento xeral, que se aplica ao Fondo de Cohesión, FSE e o FEDER

  • Regulamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

  • Regulamento do Fondo Social Europeo (FSE)

  • Regulamento do Fondo de Cohesión

  • Regulamento que establece unha Agrupación europea de cooperación territorial (AECT)

Dentro da parte dos fondos estruturais dedicada á cooperación territorial (cooperación transfronteiriza, trasnacional e interrexional) no período de programación 2007-2013 aprobouse como novidade un regulamento sobre a creación de Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial (AECT).

A AECT nace para superar os obstáculos á cooperación territorial e trátase dun instrumento de cooperación a escala comunitaria para crear no territorio da Comunidade agrupacións cooperativas dotadas de personalidade xurídica denominadas «Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial». A AECT servirá para aplicar programas ou proxectos de cooperación territorial cofinanciados pola UE ou ben para levar a cabo accións de cooperación territorial por iniciativa das autoridades nacionais, rexionais ou locais, con ou sen intervención financeira da Comunidade.



A programación de fondos en Galicia

Seguindo as orientacións da Comisión Europea e tomando como referencia os regulamentos de fondos, a Xunta de Galicia, como autoridade rexional e en colaboración coa Administración Central, é a responsable de deseñar as actuacións financiadas con fondos europeos. Para lograr que o valor engadido dos investimentos cofinanciadas pola UE sexa o máximo posible, o Goberno galego encárgase de seleccionar os eixes prioritarios e as modalidades de actuación que mellor se adapten o marco socioeconómico da nosa Comunidade. Esto quere dicir que a contribución comunitaria intégrase na estratexia de desenvolvemento rexional galega definida no MECEGA e aplicada por medio dos Programas Operativos.

O Marco Estratéxico de Converxencia Económica de Galicia (MECEGA) 2007-2013, é o instrumento de planificación dos fondos comunitarios elaborado pola Xunta de Galicia e reflicte os obxectivos e estratexias de actuación para lograr a converxencia da economía galega con Europa. A aplicación das estratexias definidas polo MECEGA lévase a cabo por medio do Programa Operativo FEDER de Galicia e o Programa Operativo FSE de Galicia.

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Compatibilidade da web