Nos últimos anos, a protección do medio ambiente pasou a ocupar un lugar privilexiado na definición da política da UE debido ós retos que se lle presentan á nosa sociedade para seguir mantendo a actual calidade de vida reducindo o impacto sobre o medio natural.

Para promocionar a concienciación e a posta en marcha de accións que contribúan a frear a destrucción do medio e fomentar a súa recuperación, a UE dispón de diferentes programas de financiamento de actividades e proxectos no eido do medio ambiente.

A liña de financiamento específica para accións no campo do medio ambiente é o programa LIFE+, que inclúe tres subprogramas orientados á promoción de iniciativas distintas para a protección da natureza. Estes son:

  • LIFE+ Natureza e Biodiversidade.

  • LIFE+ Información e Comunicación.

  • LIFE+ Política e Gobernanza Medioambiental.

As intervencións en medio ambiente pódense financiar tamén a cargo doutros fondos europeos como son o Programa de Innovación e Competitividade (CIP), máis centrado na promoción da innovación ecolóxica dentro da empresa, e o 7º Programa Marco de I+D, orientado ó financiamento de actividades de investigación e de desenvolvemento en distintas áreas. O 7º Programa Marco conta con catro liñas de financiamento recollidas en catro subprogramas ("Cooperación", "Ideas", "Persoas" e "Capacidades").

Asemade, é posible obter financiamento por medio dos fondos estruturais e o Fondo de Cohesión. A diferenza dos anteriores, estes son xestionados polos gobernos autonómicos e nacionais. Por unha banda, estaría o fondo FEDER, cuxo regulamento inclúe os ámbitos de intervención financieira relacionada coa protección do medio ambiente, especialmente para as rexións de obxectivo converxencia, como sería o caso de Galicia.

Por outra banda, o Fondo de Cohesión financia infraestruturas medioambientais e de transporte encamiñadas a lograr a eficiencia enerxética e a reducción do impacto ambiental dos medios de transporte, a través de programas de fomento do transporte público e o transporte urbano limpo.


Consulte o documento aquí

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Compatibilidade da web